top of page

O socialismo da sociedade democrática conduce a victoria

  • Jun 24
  • 7 min read

Unha mensaxe dende imrali á conferencia internacional da paz e a sociedade democrática


Abdullah Öcalan enviou esta mensaxe dende a illa-prisión de Imrali á “Conferencia Internacional pola Paz e a Sociedade Democrática” celebrada o 6 e 7 de Decembro de 2025 en Estambul. “Políticos, académicos, periodistas, defensores dos dereitos humanos e representantes parlamentarios que tomaron diversos cargos en diferentes nacións asistiron á conferencia como ponentes ou participantes, procedentes de 19 países de 5 continentes distintos”1


Asemblea do Soviet de Petrogrado, 1917
Asemblea do Soviet de Petrogrado, 1917

Queridos pensadores, queridos camaradas, prezados delegados e a todas as persoas que continúan a ver o socialismo como unha posibilidade real.


Diríxome hoxe a vós dende Imrali, onde me atopo encerrado nunha illa baixo condicións de illamento dende hai 26 anos, nun momento no que se retoman novos diálogos co Estado sobre a cuestión Kurda na procura de paz e unha sociedade democrática. Considero moi importante e significativo poder dirixirme a vós na Conferencia Internacional pola Paz e a Sociedade Democrática, no camiño da reconstrución do socialismo.


Como kurdos, durante o transcurso de 52 anos de loita do PKK, levamos a cabo unha loita pola existencia e a dignidade, e agora entramos nun período onde reconstruír unha república democrática e unha sociedade democrática é posible.


O PKK cumpriu a súa misión histórica ao asegurar a existencia nacional do pobo kurdo, ao tempo que expuxo as limitacións do socialismo nacional-estatal. O socialismo do século XX xurdiu como unha intervención revolucionaria negativa2, pero non conseguiu presentar unha alternativa duradeira. Nos anos 90, nun momento no que a xente escapaba do socialismo, dediquei todo o meu tempo a reconstruir este soño, deixando escrito que ‘insistir no socialismo é insistir no ser humano’. A pesar dos enormes sacrificios, esta loita converteuse nun legado enriquecido tanto pola crítica teórica como pola práctica. Honrar e apropiarse deste legado correctamente require transformar o socialismo dunha simple memoria nunha forza social viva que late no corazón do pobo. A tradición socialista na historia debe entenderse como un legado dirixido a construír tanto a paz como unha sociedade democrática, e o camiño a seguir atópase no cumprimento das responsabilidades internacionalistas, tanto en teoría como na práctica.


Aínda que os socialistas utópicos e os marxistas levan expondo críticas exhaustivas do sistema hexemónico capitalista dende o século XIX, non lograron desenvolver unha liña decisiva con resultados precisos. O capitalismo actual xa non é só unha crise, senón que tornou nunha enfermidade que ameaza a propia supervivencia da humanidade. O monopolio da violencia en forma de Estado-nación conta cun papel determinante neste colapso.


Así como o capitalismo non pode describirse unicamente con argumentos económicos, os fracasos dos movementos socialistas non poden ser explicados exclusivamente pola represión capitalista. Os erros históricos e actuais tamén foron decisivos.

É importante que se entenda correctamente a miña crítica ó marxismo. Non culpo a Marx; na súa época, a historia non se entendía tan ben coma hoxe. Non había crise ecolóxica e o capitalismo aínda se atopaba en expansión. Con todo, Marx foi un pensador de fondo autocuestionamento e coraxe intelectual. Percibiu a importancia da liberación da muller, pero abordándoa de xeito superficial. Cría que, tras superarse a explotación económica, a opresión de xénero desaparecería de forma natural. O seu intento de entender a a historia da nosa sociedade unicamente dende unha perspectiva de clase e a súa insuficiente análise do Estado e do Estado-nación tiveron graves consecuencias. Malia expor esas críticas, quero salientar o meu profundo respeto polos esforzos de Marx, sen ter dúbida algunha sobre a súa sinceridade, e resalto que distingo entre marxismo e o propio Marx. No momento no que realizamos unha crítica ó marxismo e o socialismo real actual en relación a certas cuestións fundamentais, o que sentemos (como socialistas) é o espírito de autocrítica interior.


As forzas antisistema deben reinterpretar o materialismo histórico dun xeito que se axuste á realidade das sociedades humanas. Cómpre entender que o capitalismo non “caeu do ceo” no século XVI, senón que as súas raíces retómanse ós dez ou doce mil anos de evolución da civilización que comezou na Baixa Mesopotamia. Xacementos arqueolóxicos tales como Göbeklitepe e Karahantepe arroxaron luz acerca de súa orixe histórica. Por este motivo, considero de maior precisión definir o sistema social existente como un “sistemas de castas baseado no asasinato social”. Os descubrimentos arqueolóxicos e antropolóxicos amosan que as castas masculinas de cazadores, por medio do desenvolvemento de técnicas de matanza, reprimiron e escravizaron as comunidades de clans matriarcais. Isto marca unha profunda rutura na historia da humanidade, de feito a maior contrarrevolución que marcou os desenvolvementos posteriores da civilización.


Comprender o capitalismo dende unha longa perspectiva histórica permite realizar unha análise moito máis reveladora. Este sistema non só agrava as contradicións sociais internas, senón que tamén pon en perigo a supervivencia da especie humana ó producir armas químicas e nucleares capaces de aniquilar o planeta, pois contaminan o medioambiente e saquean as riquezas da natureza, tanto en superficie coma no subsolo. Un dos deberes esenciais da Internacional é ofrecer á humanidade unha nova análise do capitalismo baseado nesta grave realidade.


Necesitamos analizar a historia dos oprimidos desde a perspectiva da comuna, que emerxiu primeiramente e sobre todo como forma de autodefensa, antes que o concepto de clase. Para ilo, cómpre considerar as primeiras comunidades tribais como a orixe da comuna e adoptar unha perspectiva histórica que abrangue ata o proletario actual ademais de todos os grupos oprimidos. Partindo desta base, afirmamos que a historia non pode reducirse soamente á loita de clases, se ben a loita de clases forma parte da historia, é máis acertado interpretala como un longo proceso de relación e conflito entre os desenvolvementos comunitario e anticomunitario que se remonta a aproximadamente 30000 anos atrás.


Anticipo que, ó abordar tamén análises teóricas que amosei aquí, esta conferencia fomentará debates importantes que poidan contribuír o desenvolvemento dunha nova perspectiva sobre o programa e organización política. Neste proceso, o método fundamental é o materialismo dialéctico. Porén, é imprescindible superar certos excesos da dialéctica básica. Cómpre ver as contradicións, non só como polos opostos destinados a eliminarse conxuntamente, senón como fenómenos sociais que tamén se sosteñen mutuamente. Xa que, sen a comuna non habería Estado, sen burguesía non habería proletariado. En consecuencia, esta contradición non debe avaliarse cunha lóxica de aniquilación, senón dende unha perspectiva histórica transformadora.


Os avances científicos evidencian que o método dialéctico continúa a ser unha ferramenta eficaz para a análise social, sempre cando non se considere absoluto. Partindo deste panorama, resulta fundamental actualizar a dialéctica comuna-Estado e clase-Estado, o fracaso do socialismo real do século XX debeuse á incapacidade de realizar unha interpretación adecuada desa dialéctica histórica: o socialismo estatista apoderouse do Estado, mais este rematou por derrotalo. Ó vincular o dereito das nacións á autodeterminación ó Estado-nación, este dereito quedou confinado dentro das limitacións da política burguesa. Deste xeito, o concepto de “Estado-nación” non xerou outra cousa que unha reprodución da mentalidade estatista.

Ó interpretar correctamente esta realidade, podo afirmar o seguinte: o socialismo con base no Estado-nación conduce á derrota, mentres que o socialismo da sociedade democrática leva á vitoria. Hoxe chegou o momento de avanzar cara a emancipación democrática sobre a base do socialismo da sociedade democrática.


Seguindo este camiño, avanzo ca miña convicción de que acadaremos a reconstrución non a través do Estado, senón máis ben por medio do paradigma dunha república democrática e unha nación democrática fundamentada nos principios da liberdade das mulleres, da ecoloxía e da sociedade democrática. Esta consciencia renovou a ideoloxía e a política do noso movemento, revitalizando o seu dinamismo organizativo e afondando as súas raíces na sociedade, permitíndolle o desenvolvemento dun programa socialista que responda ás necesidades deste século.


A relación entre o socialismo democrático e o Estado está asemade sendo remodelada no contexto de paz e a resolución. Defino a miña relación co Estado como unha relación de democratización. O concepto de república democrática require que o Estado non funcione como un poder divino por enriba da sociedade, senón máis ben como unha estrutura que opere dentro do marco dun contrato democrático acordado coa sociedade. Mediante unha estratexia de política democrática é posible acadar cambios e transformacións do Estado e reconstruír a sociedade dende unha base democrática.


Fundamentar esta estratexia na lei constituirá a base duradeira da paz. O dereito é un mecanismo que garante unha relación democrática entre Estado e sociedade, servindo como instrumento contra a violencia. Ó mesmo tempo, institucionalizará o establecemento, a lexitimidade e a reconstrución da república democrática. En relación con isto, un dos argumentos estratéxicos clave que propoño é o concepto de integración democrática e o seu marco legal. O dereito de integración democrática, no que se reconstrúen normas xurídicas en beneficio da sociedade por medio de normas individuais e universais xunto con dereitos colectivos, debe apoiarse nos seguintes tres principios fundamentais:


    Lei da libre cidadanía

    Lei de paz e sociedade

    Leis de liberdade


A lei de integración democrática non só transformará o Estado nun normativo3, tamén permitirá institucionalizar os éxitos sociais, permitíndolle á sociedade gozar da súa liberdade. O proceso do “Chamamento pola Paz e a Sociedade Democrática” que lancei é en si mesmo un procedemento de diálogo. Nunha rexión como Oriente Medio, marcada por complexas relacións entre etnias, relixións e sectas, pódese acadar moito por medio do diálogo e a negociación. Ademais, creo que se pode organizar un socialismo significativo, non a través dun método revolucionario violento, senón por medio dun sistema postivo de construción e existencia, un que adquira forma mediante o diálogo democrático. Sen este diálogo democrático integral e profundo, resulta difícil crer que o socialismo poida construírse, ou incluso que poida perdurar de lograr construírse.


Lenin tamén dixo: “sen unha democracia inclusiva e avanzada, non se pode construír socialismo”.


Con estes pensamentos e determinación, deséxolles unha vez máis unha conferencia frutífera e estendo os meus saúdos e afecto fraternos e duradeiros.



Abdullah Öcalan

06.12.2025, Illa de İmralı




[2] "Unha revolución negativa son a rixideza, actitudes conservadoras e a resistencia á transformacións. Nace dos partidos, movementos e institucións revolucionarias." https://english.anf-news.com/features/negative-revolution-what-it-is-and-what-it-is-not-82505


[3] Abdullah Öcalan está marcando a diferencia entre o Estado normativo e o Estado anormativo. Isto describe aquelas forzas dentro do Estado que actúan de xeito encuberto e organizado sen adherirse ás normas establecidas, é dicir, ás leis e regulacións dun Estado, senón que perseguen a súa propia axenda, explotando o “Estado normal” para os seus propios fins.



Comments


bottom of page