top of page

Detrás da “Xeración Z”: En defensa do espírito revolucionario xuvenil

  • 8 hours ago
  • 6 min read

A perspectiva xoven feminina internacionalista



“A xeración Z, un recoñecible grupo de nenos e adolescentes que son constantemente o centro de atención.” Rara vez pasa unha semana sen un novo titular estigmatizándonos. Din que somos preguiceiros, fráxiles e adictos aos nosos teléfonos. O sistema gasta enormes esforzos para perfilar e controlar a nosa consciencia colectiva, bombardeándonos constantemente con narrativas opresivas. Estas narrativas están deseñadas para distraernos da nosa consciencia propia e alternativa, atándonos ao status quo.


A que propósito serven as narrativas como a da Xeración Z? Se nos aproximamos a estas teorías non de forma pasiva, senón como xuventude revolucionaria, deberiamos cuestionar se a categoría de Xeración Z reflexa a nosa realidade ou é simplemente unha ferramenta para limitarnos.


Teoría xeracional e da Xeración Z

A teoría xeracional parte da premisa de que a historia segue un ritmo. Segundo esta teoría, as sociedades móvense segundo ciclos recorrentes construídos baixo anos de convencemento colectivo. Cada xeración ten que devolver unha mentalidade distinta, formada polas condicións culturais e políticas que viven. Cando unha xeración se fai maior e a seguinte entra na adultez, xorde unha nova fase histórica. Os cambios non aparecen como resultado a un consenso organizado, senón como o xiro automático da roda da historia. A primeira vista, isto soa convincente. A xuventude sempre aparece no centro das rupturas históricas, aínda que esta visión reduce o rol a algo mecánico, porque o que é intervención política transfórmase nun xiro automático da roda da historia.


Neste contexto, a “Xeración Z”refírese a toda a xente nada entre 1995 e 2010. Descríbesenos como a primeira xeración completamente dixital, moldeada con smartphones, redes sociais, inestabilidade económica, crise climática e pandemia. Din que estamos permanentemente conectados a tecnoloxía e que somos progresivos, preocupados pola xustiza climática e de xénero. Inda cando nos mobilizamos, a nosa voz desvalídase como idealismo ou extremismo. Tamén din que somos fráxiles, marcando que a ansiedade e depresión son rasgos individualizados máis que vinculados a guerras, débedas, traballo precario e colapso ecolóxico. E posiblemente máis insistentemente chámannos preguiceiros, coma se rexeitar a explotación fose un defecto máis que unha resposta racional a unha inxustiza sistemática.


Na superficie, as categorías xeracionais parecen neutrais. Na realidade, esconden complexidade histórica. Os contextos derivados de sociedades Anglo-Americanas táchanse de modelos universais, ignorando clase social, historias coloniais e realidades políticas a través do globo. O resultado é a despolitización. Se as xeracións seguen un guión, a xuventude cede a ser un suxeito histórico. A repetición constante de etiquetas (preguiceiro, sensible, radical) moldea a percepción propia. As narrativas non describen a xuventude, intentan definila e domala.


Espírito xoven revolucionario en vez de Xeración Z

Dentro destas distorsións gárdase unha verdade: cando a xuventude entra na historia, a historia cambia. Non por ciclos místicos, senón porque a xuventude ocupa unha posición social distinta. Pra entender a xuventude como unha categoría social é imprescindible entender tanto a historia como a sociedade persé. A sociedade non é estática, móvese segundo estados de transformación. Cambio e desenrolo son as súas características máis fundamentais. A xuventude, pola súa natureza, engloba esta dinámica. Representa a vitalidade da natureza social. É móbil, inqueda e remisa a manterse confinada. Faino todo por manter a súa voz forte ata no lugar máis lonxano, a súa enerxía non se esgota con facilidade, a súa sobre a vida é cuestionar e investigar. Así como a natura transfórmase en primavera, a vida na xuventude contén unha inmensa franqueza cara o cambio. Todo parece posible, nada está arranxado.


A conciencia sobre este rol é decisiva. Sen consciencia da misión histórica, a xuventude pode ser absorbida e neutralizada. Unha inconsciencia sobre a nosa función social non nos deixa ser libres ou autónomos. Unha identidade clara é unha condición fundamental por unha vida libre.


As definicións desenvolvidas ata agora sobre a xuventude, como a narrativa da xeración Z, levan moito tempo vinculadas a roles atribuídos polo sistema dominante. Os creadores das regras inventaron un gran conxunto de termos (rebeldes, irresponsables, apolíticos, extremistas, consumistas) non para entender a xuventude, senón para neutralizala. Todos saben que calquera cousa que cale na xuventude vai ter reminiscencias na sociedade. Unha xuventude rendida ao sistema garante o futuro do mesmo, porque a xuventude significa futuro. Por esta razón, a xuventude sempre ocupou un lugar especial en conflitos históricos. Xogou o rol de pioneira en momentos de desenvolvemento social. Onde as sociedades están abertas ao cambio, a xuventude vólvese a forma máis activa e efectiva de transformación.


No mesmo tempo, a historia tamén demostra que a xuventude pode ser manipulada e mobilizada para fins reaccionarios. O seu dinamismo pode traer a liberación ou a dominación dependendo do seu nivel de consciencia e organización. Entón a pregunta non é tanto onde a xuventude é poderosa, senón a que intereses se dirixe ese poder. Os alzamentos de hoxe (aqueles como Nepal, Bangladesh, Madagascar, Indonesia, Kenya, Marrocos e máis) demostran que a xuventude segue exercendo un papel decisivo. Mulleres xoves como Deniz Ciya probárono cas súas propias vidas. Estes alzamentos non son expresións de temperamento xeracional. Estes “Alzamentos da Xeración Z” son expresións dunha forza social confrontando crises estruturais inherentes ao sistema actual.


Defender o espírito revolucionario implica unha profunda organización. Os levantamentos espontáneos revelan vitalidade, pero a transformación sostida require claridade ideolóxica, internacionalismo, liderado democrático e un compromiso coa liberdade das mulleres como fundamento. Sen estes elementos, a enerxía xuvenil corre o risco de fragmentarse. Os recentes levantamentos xuvenís, xa sexan en forma de protestas pola xustiza ambiental, movementos obreiros ou levantamentos contra gobernos autoritarios, son a proba de que a mocidade de todo o mundo non só está a responder a un conxunto de circunstancias; senón que está a rexeitar consciente e colectivamente as narrativas que buscan definilos. Polo tanto, é crucial analizar o que aconteceu e extraer leccións destes levantamentos, especialmente no contexto da construción dun confederalismo democrático xuvenil global. Porque o poder dos movementos xuvenís está interconectado, a pesar de seren xeograficamente distantes.


Neste contexto, o termo Xeración Z tamén ten potencial para a recuperación: en levantamentos como os de Nepal e Marrocos, autoapropiouse tanto para fortalecer os movementos revolucionarios locais como para forxar conexións coa mocidade en loita en todo o mundo, reavivando unha conciencia xuvenil internacional.


A perspectiva da muller xove

Dentro desta loita, a posición da moza é decisiva. O sistema capitalista explotador asígnalle unha misión peculiar: non ter ningunha misión. Anímaa a buscar o éxito individual, a conformidade estética e a adaptación silenciosa. A súa voz política trivialízase; a súa ira patoloxízase. Con todo, no núcleo da identidade da moza reside un espírito resistente e militante. Leva dentro de si non só a vitalidade da xuventude, senón tamén a memoria histórica da resistencia das mulleres. Para espertar este espírito requírese unha organización consciente.


A moza debe insistir en organizar a súa educación dentro da perspectiva da Nación Democrática[1], unha educación que fortaleza a ética colectiva, a conciencia histórica e a responsabilidade política. Debe cuestionar todo no sistema existente: os roles que se lle asignan, as imaxes que se lle impoñen, os límites trazados arredor dos seus soños. Non obstante, o cuestionamento non debe permanecer individual. O seu reflexo debe ser organizado. Polo tanto, depende da moza romper a percepción creada polo capitalismo sobre ela e o seu pobo. Debe desenvolver novos métodos políticos e formas de participación. Debe traer a súa propia creatividade e natureza revolucionaria á política como un factor determinante.


Cando a muller xove se organiza, non busca só defenderse a si mesma, transforma o movemento xuvenil enteiro. Porque sen a liberdade das mulleres como principio reitor, ningún espírito revolucionario pode sosterse. Por exemplo, a revolución sandinista en Nicaragua e a Unión Soviética baixo Stalin demostraron como o dominio patriarcal dentro do movemento non só limitou as contribucións das mulleres, senón que socavou a revolución no seu conxunto. Nestes contextos, a negativa a elevar os papeis das mulleres dentro da revolución levou en última instancia ao declive do socialismo. As leccións aprendidas destes fracasos destacan a importancia de integrar o liderado das mulleres no corazón das loitas revolucionarias.


A mocidade é futuro

A pesar de todo o que se fala arredor da Xeración Z, a mocidade non é simplemente un grupo demográfico de mercadotecnia. Non é só unha tendencia demográfica. É a expresión máis dinámica da capacidade de renovación da sociedade. Se a característica esencial da sociedade é o cambio, entón a mocidade —como encarnación da apertura ao cambio— convértese no seu compoñente máis activo. Dado que o sistema comprende o noso potencial, categorízanos, critícanos e humíllanos. Unha mocidade despolitizada é a súa garantía de continuidade. Unha mocidade consciente e organizada é o seu maior desafío.


Defender o espírito xuvenil revolucionario é, polo tanto, defender o futuro. Defender o futuro require claridade sobre quen nos define e por que. Require rexeitar as identidades impostas e construír as nosas propias. Require recoñecer que a mocidade, consciente do seu papel histórico, convértese nun actor de vangarda da transformación. Non somos un arquetipo fixo nun ciclo recorrente. Somos unha forza viva moldeada pola loita e a organización. Non simplemente seguimos o ritmo da historia, temos a capacidade de rompelo.


Mentres a mocidade rexeite a imaxe imposta e se organice arredor da súa propia comprensión da liberdade, a dignidade e a vida colectiva, o espírito da mocidade seguirá sendo irredutible. E mentres este espírito permaneza consciente e organizado, especialmente a través do liderado e a liberación das mulleres novas, a mocidade seguirá sendo non o obxecto da historia, senón a súa roda motriz.


1. O concepto de Nación Democrática, tal e como o propuxo Abdullah Öcalan, imaxina unha sociedade onde a diversidade cultural e os principios democráticos sexan adoptados a través dunha gobernanza descentralizada e da autodeterminación colectiva. Reclama unha transformación do Estado-nación nun sistema baseado no confederalismo democrático, a liberación das mulleres e a ecoloxía social.

 
 
 

Comments


bottom of page